Medre o mar

Medre o mar é o título dun poema e dunha novela que escribiu Bernardino Graña. En abril de 2015 explicounos nunha conversa por teléfono que é malo que medre o mar. Que non é bo que o mar entre nas casas.

Por un lado, o mar non para. Os mariñeiros malamente poden saír a pescar, sacar algo das augas. Por outro lado vén a auga de arriba. Cae a auga a baldes. Endexamais escampa. Os camiños están enlagados. Abríronse as esclusas do ceo. Vai inchar a ría. Vaise formar un maremoto. Vai entrar a auga na vila. Vai entrar a auga nas casas. Imos afogar todos.

Todo o mundo o repetía en Cangas. E iso era o que lle diciamos ao avó.

E o avó ría. O avó ría e dicía:

– ¿Que dicides, que vai inchar a ría? ¿Que vai haber un maremoto? Pois eu digo: ¡a fame entra nadando, pero que medre o mar! ¡E que veña con peixes e mariscos, e que a xente se afarte de coller peixe e coller marisco, fartura para todos!

– O avó tolea –dixo polo baixo Milucho.

– O avó –dixen eu tamén polo baixo-. Non se dá conta do perigo que é que o mar entre nas casas.1

Pois ben, co permiso de Bernardino Graña e baixo a mirada da Virxe do Carme, desafiamos ese perigo e sumámonos ás persoas que están a popularizar a expresión que lle dá nome a este espazo. Para que medre o coñecemento sobre o mar.

Medre o mar e destrúa tanto muro,

e inventemos, si acaso, novas curvas.

Abafemos a recta, as rectas parvas,

tan igoales entre elas coma ovellas.2

Noemí Alonso

As Nogais – Compostela, abril de 2015

1 GRAÑA, B. (2013). ¡Medre o Mar!. Cangas do Morrazo: Edicións Morgante.
2 GRAÑA, B. (1975). Non vexo Vigo nin Cangas. Monforte de Lemos: Ediciós Xistral.