Tripulación

Noemi Alonso- Medre o mar

Noemí Alonso

Son da Montaña de Lugo. Creo que a primeira vez que vin o mar foi nunha excursión a Betanzos co colexio d’As Nogais. Supoño que tería uns cinco ou seis anos. Dende aquela, o mar non foi máis cá praia de Miño, n’A Coruña, onde é sabido que escapamos durante o verán as persoas do interior de Lugo.

Isto foi así ata que cheguei á Unidade Informativa de RTVE en Pontevedra. Aquí descubrín o mar como fonte de traballo para boa parte da poboación galega. Foi grazas á emisora que coñecín a pelexa da frota cefalopodeira de Marín ou o efecto das mareas vermellas sobre o sector marisqueiro e bateeiro. Estando en Pontevedra viaxei tamén a Estrasburgo cando se aprobou a nova Política Pesqueira Común e mesmo puiden falar con galegos que estaban faenando no caladoiro de Angola.

Boa parte desta faena centrouse na frota de altura. Agora trato de entender o traballo das persoas que teño máis preto de min.


 

Daniel García

Nacín na Mariña de Lugo, esquina do Mar Cantábrico. Neto de mariñeiro e de peixeira; peixeiro por parte de nai. Dende pequeno entendín o mar como unha forma de vivir, non dende o punto de vista bucólico. Desta forma aprendín que o mar e os que traballan nel teñen problemas; naufraxios,accidentes, conflictos…O primeiro recordo que teño destes conflictos, a Guerra do Bonito en 1994, en contra das volantas de deriva. Este interese persoal en coñecer as dificultades do sector pesqueiro segue vivo, agora materializado neste traballo no que colaboro co obxectivo de pór voz.

Cando podo navego na lancha familiar de 7ª lista, observando coa mesma atención que de pequeno os esforzos da 3ª lista por manterse a flote. Agora tamén admiro as loitas da 4ª lista, vivo na Arousa.